Amnistía Internacional polos dereitos humanos en todo o mundo
Índice AI: AMR 51/184/2005
 Non á tortura!  pechemos Guantánamo!

Escribe ao Primeiro Ministro do Canadá, sobre o caso de Omar Khadr...

Actúa con Amnistía!

 Omar Ahmed Khadr
Omar Khadr

Quen son os detidos de Guantánamo?

Caso 14: Omar Khadr, cidadán canadense
Idade: 21 anos


Omar Ahmed Khadr foi posto baixo custodia estadounidense cando tiña 15 anos. Sábese que hai polo menos catro detidos que permanecen actualmente na baía de Guantánamo que tiñan menos de 18 anos cando foron apresados.

Omar Khadr foi ferido por soldados de EE.UU nunha batalla en Afganistán, e posto baixo custodia estadounidense en xullo de 2002. Durante a sú captura recibiu tres disparos e quedou case cego dun ollo a consecuencia das feridas. As forzas armadas estadounidenses afirman que durante a operación Omar matou un soldado norteamericano, o sarxento Christopher J. Speer.

Malia que Omar Khadr estaba gravemente ferido, o seu interrogatorio comezou así que o puxeron baixo custodia. El afirma que durante os interrogatorios lle foron denegados medicamentos para as feridas, e que lle taparon a cabeza cunha bolsa e tivo que parmanecer durante horas atado por riba do lintel dunha porta.

Omar Khadr foi trasladado á baía de Guantánamo en outubro de 2002. Afirma que, logo de chegar, foi sometido a tortura e malos tratos; por exemplo, púñanlle grillóns nas mans e os pés con cadeas curtas que suxeitaban a unha argola no chan e deixábano de cinco a seis horas.

En novembro de 2004, os avogados de Omar Khadr fixéronlle chegar varias probas psicolóxicas. O Dr. Eric W. Trupin, experto en saúde mental de menores de idade recluídos en centros penintenciarios, avaliou as probas e afirmou que os seus síntomas «concordaban cos que presentan as vítimas de tortura».

O goberno de EE.UU afirma que Omar Khadr é un «combatente de Al Qaeda» e clasificouno como «combatente inimigo». Malia iso, negouse a impurtalle ningún delito común recoñecible e a sometelo a un xuízo completo e coas debidas garantías. Pola contra, o Departamento de Defensa de EE.UU anunciou que Omar Khadr será xulgado por unha comisión militar. As comisións militares teñen deficiencias fundamentais e non poden proporcionar xuízos xustos con arranxo ás normas recoñecidas internacionalmente.

En xuño de 2007 foron retirados os cargos polo xuíz tenente coronel Peter Brownback, ao non ser catalogado como «combatente inimigo ilegal».

A Lei de comisións militares, asinada polo presidente de EE.UU, George W. Bush, en 2006 despois de que o Tribunal Supremo rexeitase o sistema previo, prevé que só os prisioneiros clasificados como «combatentes inimigos ilegais» poden ser xulgados por tribunais militares en Guantánamo. Porén, o xuíz non descartou a posibilidade de que Khadr poida volver ser xulgado en caso de que fose reclasificado como «combatente inimigo ilegal» por un tribunal. E a retirada dos cargos contra el non implica que sexa posto en liberdade.

Amnistía Internacional solicita que o Goberno canadense pida a súa repatriación para así evitar que compareza perante unha Comisión Militar, onde será xulgado con leis que non cumpren os parámetros mínimos de legalidade internacional e como un adulto.

A Lei de Comisións Militares, que é a que se lle pretende aplicar, non só viola as leis internacionais senón que, en relación coa xurisdición sobre os menores, non inclúe regulación ningunha. O xuíz Peter Brownback sobreentende que a este caso si lle é aplicable a xurisdición da Lei de Comisións Militares, aínda que tamén admitiu a postura da defensa segundo a cal «o uso e abuso dun menor de idade por Al Qaeda constitúe unha violación do Dereito Internacional». No entanto, non considerou estes feitos pertinentes ao caso en cuestión.

Canadá subscribiu en 2007, xunto con outros 66 países, os Principios e Directrices sobre os Nenos Asociados a Forzas Armadas ou Grupos Armados (Principios de París), onde se establece que «é preciso considerar os nenos e nenas acusados de crimes segundo o dereito internacional, presuntamente cometidos mentres estaban asociados con forzas armadas ou grupos armados, como vítimas de delitos contra o Dereito Internacional, e non só como responsables de os cometeren. É necesario tratalos segundo o Dereito Internacional nun marco de xustiza restitutiva e rehabilitación social que sexa congruente co Dereito Internacional, que ofrece aos nenos e nenas unha protección especial mediante numerosos acordos e principios».

Canadá, malia reiteradas peticións de actuación, só se ten limitado a observar pasivamente o comportamento do Goberno estadounidense e pediu que teña en conta estas circunstancias. Non obstante, o xuíz da comisión militar, Peter Brownback, non considerou as circunstancias do menor como requisito suficiente para impedir o xuízo. Por iso rexeitou a petición do Goberno canadense de arquivar a causa por falta de xurisdición, xa que Omar Khadr era un neno soldado cando foi detido.

Estados Unidos asinou en 2002 o Protocolo Facultativo da Convención sobre os Dereitos do Neno Relativo á Participación de Nenos nos Conflitos Armados. Porén, de acordo co xuíz Peter Brownback, «nada no protocolo prohibe o xuízo do señor Khadr perante esta Comisión". Non obstante, a Observación Xeral 10 do Comité dos Dereitos do Neno establece como principios aplicables aos menores que estean en conflito coa lei: principio de non discriminación, requisito de que en todas as actuacións primen os intereses superiores do menor, que a detención se levará de acordo coa lei e se utilizará como derradeiro recurso e por un período o máis breve posible, que ningún neno será privado da súa liberdade ilegal e arbitrariamente, que ningún testemuño obtido pola forza poida admitirse como proba.

Estados Unidos non cumpriu con ningún destes principios, xa que Omar Khadr leva seis anos encarcerado, sen levarse a cabo xuízo ningún. Durante máis de dous anos non tivo acceso a asistencia legal, nin en Afganistán nin en Guantánamo, e foi sometido a técnicas de interrogatorio e reclusión que se consideran torturas e malos tratos.

Ademais, o sistema de Comisións Militares, que foi establecido para evadir a xustiza ordinaria, choca frontalmente cos principios antes mencionados.



     Ligazóns relacionadas con Guantánamo:
      > Contra o terror, xustiza!  |  > Blog do activista  |  > Di Non as detencións ilegais! 


(cc) Creative Commons Amnistía Internacional Ourense   
Apartado de correos 490 - 32080 Ourense